miércoles, 12 de diciembre de 2012

URXE UN TESEO, SOCORRENOS ARIADNA.



Metidos de cheo neste labirinto, e por si os males foran poucos, topámonos de fronte co temible minotauro. Sen fío que nos guíe nin puñal que nos protexa, so a loita  corpo a corpo nos permitirá derrotalo.
Wert presume da súa taurina valentía para acabar coa educación pública. En lugar de construír a escola do futuro instaura a escola do pasado, aplicando unha contrarreforma educativa elitista, segregadora, centralista,  reacionaria, privatizadora e mercantilista.
Wert, o igual que Rubalcaba, Solana, Lissavetzky, Aznar, Ansón ou Sánchez Dragó, estudiou no Colexio Nosa Señora do Pilar, un centro católico concertado situado no barrio de Salamanca de Madrid, no que tamén estudia Froilán, o neto do Rei de España.
Alguén pode entender a necesidade de subvencionar un colexio privado no barrio mais caro de Madrid, onde o valor medio da vivenda rolda os 5.000 euros m²?.

Ó ministro de educación, Pilarista de pro decidido a cumprir a súa misión evanxelizadora, non lle trema o pulso á hora de legalizar os centros que segregan ao alumnado por sexos ou sufragarlle o ensino privado a quen argumente que na rede pública non se garante o dereito ao ensino en castelán.
Concibe ós  Directores (sic) das escolas  como xerentes con capacidade para escoller o profesorado do centro, rexeitar a docentes interinos que non se adecúen ao seu proxecto educativo, ou reclamar para o centro a determinado profesorado funcionario.
Introduce no currículo a materia de relixión cunha alternativa avaliable para  empurrar ao alumnado a cursar unha relixión á baixa nas escolas públicas. Inclúe  a iniciativa emprendedora e empresarial na escola e debilita a filosofía, condenándonos a unha sociedade acrítica, inhumana, intelectualmente zombi, pero moi competitiva, aínda mais.
O home touro escorna cos principios educativos mais elementais dunha escola democrática, laica, plural e nos afunde nun labirinto de discriminación, adoutrinamento e clericalismo propios dos anos mais escuros da nosa historia.
Teseo tivo que enfrontarse con Perifetes, Sinis, Escirón, Cerción, Procustes e Fea antes de loitar co minotauro. Non son menos os que defenden e amparan os privilexios da igrexa e as escolas católicas. Ata catro  cabezas de  ministros de educación colgan púberes das impolutas paredes do Nosa Señora do Pilar. Orlas en branco e negro con núbiles garabatas de niños bien.
E nós, agardaremos por Teseo para que co seu nobelo de fío máxico nos guíe para derrotar ao minotauro?. Rogarémoslle a Ariadna para que nos axude en tan difícil empresa?. Ou clamaremos polo bombeiro toureiro para que coa súa mangueira enxugue  tanta inmundicia.
Mentres Sánchez Dragó presume de húmidas orxías con sumisas Gheishas, Rubalcaba rexenera o PSOE,  Ansón fai de xurado en concursos de escuálidas mises e Aznar ofrece suculentas conferencias en Spanglish, nós soportaremos tanta desfachatez?
Wert, como o fillo da zoofilica Pasífae, presume de touro bravo pero non é mais que un cabestro, un cabestro servil e ben mandado, que fai o que lle mandan os que de verdade teñen o poder. Os Sumos Pilaristas lle renderan tributos unha vez remate o seu vil cometido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario