domingo, 2 de diciembre de 2012

A RETÓRICA DO PERDÓN


A relixión católica deulle dende sempre cobertura moral ao capitalismo para avanzar impasible sobre os dereitos humanos mais elementais e recoñecibles dende calquera ética, relixiosa ou non. A explotación dos seres humanos, consubstancial co capitalismo, nunca atopou obstáculos no catolicismo, e cando os atopou, tivo na figura do pecado , do arrepentimento e do perdón, a saída fácil a calquera tropelía.
Dende tempos inmemoriais, nas cruzadas ou no descubrimento de América,  culpa e perdón  son inherentes ó catolicismo, permitindo que as inxustizas mais terribles foran amparadas pola xerarquías da igrexa baixo a piadosa lóxica do perdón.
Dictaduras como as de Franco, Mussolini ou Pinochet, camiñaron da man do catolicismo, non habendo exercito ou torturador que non tivera un capelán a man para remendar os problemas da conciencia ou cubrir con sotana os pecados do estado.

O capitalismo e a Igrexa, tan proclives a obter beneficios na miseria, mesmo atoparon a maneira de rendabilizar as conciencias, mediante o pago de indulxencias e bulas  que permitían conseguir a gracia e o perdón dos pecados… a quen as  podía pagar. Os santuarios, parques temáticos do perdón como os de Fátima ou Lourdes, aportan pingües beneficios con “merchandising”  incluído.
Mais pasados os anos da indolente bonanza económica, e metidos de novo no capitalismo feudal, volven con forza  os tempos do perdón e o arrepentimento. Pedir perdón esta de moda.
O Rei pide perdón por matar elefantes ante unha audiencia estupefacta e cunha voz afectada, de neno caprichoso e traveso, di que o sinte moito, que non vai volver a suceder.
Os directivos de Novagalicia banco, piden perdón por estafar aos seus clientes e polas abusivas indemnizacións aos seus executivos, namentres se despachan unha inxente cantidade de diñeiro publico para sanear unha entidade que será vendida, a prezo de saldo, mais cedo que tarde.
José Manuel Castelao Bragaña, quen fora parlamentario do PPdeG e presidente do Consello Xeral da Cidadanía Española no Exterior, dimitiu despois de pedir perdón por dicir en campaña electoral, aquelo de que “as mulleres ó igual que a lei, están para ser violadas”. Que dicir de Andrea Fabra e o seu celebre “que se jodan” dedicados a todos os parados deste pais.
Mesmo Severino, o alcalde do BNG de Monforte pide perdón por poñerlle unha rúa a Fraga, nunha pública e lacrimóxena epístola, na que expresaba o seu pesar polo dano producido coa súa controvertida medida.
Non sabemos o tempo que tardará Orozco en pedir perdón, nin se o vai a facer, o que está claro e que motivos non lle faltan.
E para acabar de rematala, quen pide perdón agora é o PSOE.  Nun dos mais bochornosos actos de contrición que se recordan e a  través dun delirante vídeo, militantes do PSOE imploran clemencia electoral, despois de recitar todo un prego de agravios entre os que se inclúe pedir perdón por baixar os salarios aos empregados públicos, por baixar as pensións, por abaratar o despido, por non eliminar as axudas a igrexa, etc…
Supoño que non tardaran en pedir perdón polo Congreso de  Suresnes, pola traizón á Xunta Democrática Electoral, pola Constitución que amañaron, polo pucheirazo do referendo á OTAN, por espoliar as poucas empresas publicas que tiñamos, por chamarlle obreiro a un partido de traxe e garabata  e por seren en definitiva, un partido de dereitas.
Agora so nos queda por saber, quen vai a administrar o sacramento da penitencia e por canto sairá a bula.

No hay comentarios:

Publicar un comentario