Portadas dos principais xornais de Galicia co Presidente Feijoo visitando as novas instalacións da empresa Coren en Lugo |
Xamóns... mais non uns xamóns calquera, senón a nova gama selecta dunha importante marca galega. Xamón Galego pata negra. Xamón producido pola Empresa Coren creada polo ourensán Euloxio Gómez Franqueira, fundador de Coalición Galega e padriño político de José Luís Baltar.
Está
claro que un país no que aparece o Presidente rodeado de milleiros
de xamóns, non pode ir tan mal. No pais normal, todo acontece cunha
lóxica normal.
O xamón,
símbolo patrio do bo xantar e da abundancia.
Un país
no que o Presidente enche portadas comendo xamón da gama “selecta”,
mentres 6 de cada dez familias galegas chega con dificultades a fin
de mes, é un país normal. Un país no que 93.000 familias
sobreviven con todos os seus membros en paro, é un pais normal. Un país no que o 23% da poboación está en situación de pobreza, é
un país normal.
Quizais
por iso o Conselleiro de Educación di que o curso escolar se
“iniciou con normalidade”. Porque quizais, para o
Conselleiro, é normal que unha parella cuns ingresos de 875 euros
cada un, teña que pagar 20 euros ao mes polo comedor do seu fillo.
Por iso é normal que Galicia sexa a Comunidade de todo o estado que
mais ten subido os prezos dos comedores, xusto no momento en que a
Asociación Española de Pediatría denuncia o aumento dos problemas
de desnutrición infantil.
Para o
señor conselleiro, o país normal é ese no que preto de 1000 nenas
e nenos de 3 anos non conseguen praza no colexio público do seu
barrio, ou no que 6400 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, non atopan
praza nunha escola infantil pública xestionada pola Xunta. O país
normal é ese no que unha familia ten que facer un gasto medio de 723
euros por fillo para iniciar o curso, mentres se reducen un 10% as
axudas para os libros de texto.
Calquera
presidente normal, como o señor Feijoo, ve normal que este ano o
curso se inicien con 403 mestres menos que o ano pasado, se pechen 15 colexios e 57 aulas en escolas do rural é diminúan as bolsas de
estudo. É normal quitarlle recursos ao ensino público, mentres se
dedican 3 millóns de euros a subvencionar colexios do Opus Dei que
segregan ao alumnado en función do seu sexo, incumprindo a sentenza
do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É lóxico e normal que
os tribunais teñan que apercibir a este goberno para que acate,
dunha vez por todas, a sentenza emitida contra o decreto do
plurilingüísmo. Un Goberno que non acata as sentenzas dos
tribunais, é un Goberno normal.
Debe ser
por iso que os que senten que viven nun país de mentira non son
xente normal. Os que non poden aturar mais tanta inxustiza e tanta
miseria, son uns absolutos anormais. E aqueles que afirman que diante
de tanto atropelo, non queda mais que a rebeldía e a indignación,
non son persoas normais. Os que non viven no país que aparece nos
xornais, non son de ningures. Son xente anormal. Os que queren mudar
a orde establecida e cambiar o sistema, non poden ser normais e ademais...son
perigosos.