viernes, 30 de noviembre de 2012

FEIJOO NO PAIS DAS MARABILLAS

     O discurso de investidura de Feijoo hoxe, deixoume un pouso de rabia, tristura e rebeldia. Foi todo un canto o baleiro, un himno á estulticia máis absoluta. Un soporifero e monocorde discurso acompañado dos abúlicos aplausos dos corenta e un bonecos de madeira.
     Feijoo falou de blindar os servicios públicos, e supoño que se refiriría a impedir que as persoas poidan entrar nos hospitais ou nas universidades. Pronunciou corenta e oito veces a palabra plan e planificación, e debe ser porque nestes catro anos aínda non planificou o suficiente. Dixo, e cito palabras textuais "seguiremos traballando para que as vindeiras xeracións sexan cada vez máis competitivas" como se o mundo precisara máis competitividade en lugar de máis solidaridade e humanidade. Falou da fabrica de Nestlé en Galicia, de Inditex, da Citröen, de PEMEX, de máis polígonos industriais. Referiuse de novo a herdanza recibida e da súa capacidade para incrementar as prestacións publicas.
     Repetiu unha e mil veces as palabras "orde", "disciplina orzamentaria", "eficiencia", "austeridade", "solvencia" e "competitividade". E nós xa sabemos o que quere dicir...máis do mesmo.


     De quen non falou Feijoo hoxe, foi dos 9.031 galegos e galegas que perderon a súa vivenda durante o seu mandato, das 4.500 persoas que cada noite dormen nas rúas en Galicia e que viven na indixencia, nin das 577.689 persoas que viven por debaixo do umbral da pobreza en Galicia.
     Feijoo tampouco falou da súa habilidade para duplicar a débeda pública acumulada en vinte e sete anos, pasando na súa lexislatura dos 3.900 millons de euros ós 7.600 que temos agora en apenas catro anos. Iso si que é solvencia, austeridade, eficiencia e disciplina orzamentaria. E o peor de todo...en que os gastou. En concesións para os seus amiguetes do grupo Riviera Salud, de Pricewaterhouse Coopers...
     Feijoo sacou da chisteira un país que soamente el coñece. Feijoo vive no país das marabillas, pero  a maioría social deste país non.
     Dicía Pope que " o que di unha mentira, asume unha tarefa inmensa, pois estará obrigado a inventar vinte máis para soster a certeza desa primeira". Hoxe Feijoo dixo mil mentiras, e precisará catro anos para inventar moitas máis. O mesmo tempo que nos queda a nós para continuar a rebelión cívica que cada día medra cos gandeiros, os xuíces, os mestres, os sanitarios, os funcionarios, os dasafiuzados, os parados, o estudantado, os estafados polas preferentes, os que sofren ERE, os que non chegan a fin de mes, os traballadores....A MAIORÍA SOCIAL que non vive na chisteira de Feijóo.