miércoles, 25 de junio de 2014

LIBRES SÓ PARA ELEXIR

“Unha sociedade que priorice a liberdade sobre a igualdade,         
conseguirá un alto grao de ambas"
Milton Friedman. Libre para elexir.
 
Un dos mecanismos máis eficaces para incentivar o individualismo, como paradigma do sistema capitalista, baséase no fomento da ilusión de elixir. Unha ilusión, a de elixir, hiperpresente nunha sociedade de consumo como a actual, en que a capacidade de elixir se converte en sinónimo de liberdade plena do individuo e, polo tanto, de verdadeira democracia.

Así, un exerce a súa liberdade cando elixe entre unha marca ou outra de refresco, cando elixe entre un partido político a ou b, ou cando pode elixir entre dous argumentos contrapostos. Vivimos na sociedade do si e do non, do branco e do negro, do novo e do antigo, dualismos sen matices só resoltos pola capacidade de elixir, aínda que sexa de xeito compulsivo. Elixo, logo existo.

Na primeira restauración Borbónica configurada na transición, o pobo puido decidir entre votar a favor ou en contra da Constitución, puido elixir entre OTAN SI ou OTAN NON, mais nunca tivo a oportunidade de participar nun proceso de construcción deliberativa e colectiva do país.

Pola contra, todos e cada un dos febles mecanismos de participación existentes, a maior parte das diversas formas de asociacionismo e moitas das formas tradicionais de colectivización do traballo, foron desaparecendo engulidas polo sacrosanto valor da liberdade individual.

A liberdade individual como elemento central na definición da identidade, por riba de todo e de todos. Así para David Harvey, o leitmotiv da cultura urbana burguesa baséase na explotación narcisista do eu, a sexualidade e a identidade, como se mostra no amplo abano de autorepresentacións creadas no Facebook e en Twitter. Ou dito nas verbas de Michael Foucault, asistimos ao nacemento dun biopoder que converte todo o que unha vez foi vivido, en meras representacións. Xorde así unha nova realidade, a virtual, sexa ou non dixital. Persoas que construén o seu propio avatar, máis facilmente vendible, máis atractivo para o mercado, con maior probabilidade de éxito. Virtualidade e construcción de relatos verosímiles pero interesados.
Tal e como lucidamente afirma Javier Montero nun artigo recente, ofrécese así pastiche como información, parodia como entretemento, propaganda como información, cinismo e hipocrisía como reflexión, ao que eu engadiría elección como democracia. A posibilidade de elixir entre diversos medios de comunicación de masas permítenos ter a ilusión de estar informados, a posibilidade de cambiar de canal de televisión, a ilusión de estar entretidos.

No eido político, votar-elixir convértese, así, nun substitutivo do feito democrático. O elector pasivo consume democracia cada catro anos elixindo os seus representantes.
A ilusión de elixir tense convertido, sen dúbida, nunha das síndromes da sociedade postmoderna. A elección como parodia da participación. A elección pasiva como sucedáneo da potencialidade creadora das persoas. A elección como antítese dos procesos construtivos colectivos dende a base. A cega elección asesorada por managers e coachers, incentivada polos creadores de opinión. Elección mediada. Elección sen información nin formación. Elección, mais non participación.

Por iso, agora, irrompe no debate político o establecemento de primarias abertas na elección dos cadros políticos dos partidos. Debate de nomes, elección entre personalismos, duelo de carismas. As vellas novas formas de liderado. Política Pop no escenario dos egos. O capitalismo ten unha habilidade sagaz para permitir espazos de transgresión que permitan explorar e mesmo bordear os límites do propio sistema, como fixo o Punk ou outras formas de rebeldía, mais sempre que o sexan sen causa ou con escaso compromiso social. Pronto todos os partidos do sistema, terán primarias.

Sen dúbida, a capacidade de elixir é fundamental, como tamén o son seguramente o establecemento de primarias nos partidos, mais só se se entenden ambos mecanismos como unha parte máis, a parte final, se se quere, dun proceso de radicalidade democrática, en que os axentes participantes teñen coñecemento da realidade obxecto de decisión. Do contrario, as persoas son reducidas ó que Lyotard chamaba 'simples decididores'.

 O grande cambio pasa pois por superar a elección-competición para alcanzar o discernimento xurdido da cooperación. A loita polo poder debe ser substituída pola responsabilidade do deber. Nese sentido, todos os que teñen traballado de xeito cooperativo, leal e solidario, saben que a elección é un simple pero necesario trámite.

Primarias sí, limitación de mandatos e revogación dos cargos públicos tamén, pero nada mudará se non se transforma a estética da libre competición pola ética da solidaria colaboración, tamén nos partidos. Difícilmente a esquerda política e social poderá construir unha alternativa verosímil e capaz, asumindo as ferramentas e os dogmas do sistema que pretende mudar.
 

 




No hay comentarios:

Publicar un comentario