O
sol tardío do 15 de setembro de 2011, aloumiñaba a pista do
aeroporto de Peinador cando o jet privado de Christopher Flowers
aterraba pouco despois de saír de Madrid, de onde viña de reunirse
con altos representantes do Banco de España. Despois dunha breve
xuntanza de menos de unha hora con Cesar Gonzalez Bueno, conselleiro
delegado de NCG Banco, o avión despegaba de novo rumbo de regreso a Nova
Iorque. No actual escenario económico, as cousas van así de rápido.
Das
dúas reunións, Christopher
Flowers marchou con dúas promesas. A primeira foi que o FROP
entraría na caixa bancarizada, aportando 2.465
millóns de euros. A segunda, obter un desconto do 85% sobre o valor
da entidade, que segundo os libros de contas de Novagaliciabanco era
de 1.714 millóns de euros, para facerse coa entidade de aforro
galega.
A
primeira promesa cumpriuse tan so uns días despois. O
10 de outubro de 2011, os problemas de capital de NCG Banco S.A,
levan ao Estado a intervir a entidade a través do FROB, adquirindo o
90% da entidade por unha cantidade que seguramente xa adiviñarían...
2.465 millóns de euros.
Con
respecto a segunda promesa, se ninguén o remedia, nuns días
sairemos de dúbidas.
¿Mais
quen é Christopher
Flowers?
Flowers foi un dos
directivos mais novos en ser nomeado socio de Goldman Sachs, onde se
fixo multimillonario despois de décadas de traballo neste célebre
banco de inversións.
Nos días no que a
tormenta perfecta económica asediaba Wall Street, C. Flowers foi
consultado para estudar a compra de Lehman Brothers ou a aseguradora
AIG, causantes do maior crack económico mundial dende o ano 1929.
Flowers aparecía no
epicentro dun sistema financeiro cando este se desmoronaba e non
dubidou e aproveitarse da oportunidade. Unha das súas operacións de
mais sona, consistiu en embolsarse 20 millóns de euros por
aconsellar ao Bank of America a compra de Merrill Lynch por 44.000
millóns de dólares... pouco antes de quebrar polas hipotecas
subprime.
Mais non todas as
inversións deste talento das finanzas foron tan exitosas. No ano
2009 comprou o 25% do banco alemán Hypo Real State por
1.000 millóns de dólares, mais o banco foi nacionalizado polo
estado alemán, perdendo Flowers a práctica totalidade da entidade.
Para ese entón, o Goberno alemán tiña inxectado xa 102.000 millóns
de euros no banco intervido.
Nunha
conferencia celebrada no ano 2007, Flowers dicía que "Os
que bailamos sobre as tumbas como eu, faremos unha inmensa fortuna
cos restos do colapso das numerosas institucións financeiras"....
e iso leva facendo desde entón. Participa na poxa do británico
Norther Rock, compra o banco alemán HSH-Nordbank, adquire
o
holandés NIBC e forma
parte da
reestruturación de Shinsei Bank en Xapón. O
fondo JC Flowers soou tamén para a compra de outra das entidades
financeiras intervidas polo Banco de España, a CAM.
De
feito, o fondo de inversións JC Flowers é un dos mundialmente
coñecidos como “fondos voitre”, experto en comprar a
prezo de saldo, as entidades financeiras previamente saneadas co
diñeiro público dos cidadáns.
O
pasado día 16 de Novembro de 2013, o FROP anunciaba ter recibido
“seis ofertas vinculantes por NovaGaliciaBanco”. Por unha banda o
Banco Santander, o BBVA, Caixa Bank e o Venezolano Banesco. Outros
dous voitres recoñecen o seu interese pola peza. O fondo de
inversión Guggenheim e adiviñen...JC Flowers.
Queda
pouco tempo para que o señor Christopher
Flowers coñeza se o Banco de España cumpre a súa palabra, mais
seguramente non as teña todas consigo, pois sabe ben que, entre
voitres, confianzas....as xustas.
C. Flowers, González-Bueno e Enrique Tellado despois da reunón de setembro de 2011 |
No hay comentarios:
Publicar un comentario