miércoles, 25 de noviembre de 2015

CORRUPCIÓN XORNALÍSTICA

Imaxe dunha campaña de reporteiros sen fronteiras

No Parlamento de Galicia hai escuros corredores polos que transitan a pracer os servos do poder. No pasado pleno, Yolanda Díaz fixo unha pregunta ao Presidente do Goberno sobre a “crise dos catering escolares” acontecida en Galicia en datas recentes. Na súa argumentación, a voceira de AGE afirmou que a verdadeira progresividade fiscal, radicaba nunha política impositiva que permitise pagar máis impostos aos que máis ingresos teñen e non no establecemento de repagos que afectan á prestación de servizos fundamentais como a sanidade e a educación. Afirmou que obrigar a pagar 4,5 euros polo menú escolar a unha familia cun fillo na que cada proxenitor ingresa 1.125 euros, supón o 7% do seu salario (81 euros ao mes).
O Presidente Executivo do Grupo Inditex, ten un salario de 7,93 millóns de euros. Se o repago establecido polo Goberno Galego fora xusto, se o fillo ou filla do Presidente Executivo do Grupo Inditex estudase nunha escola pública e se asumise un 7% do seu salario para pagar o comedor escolar, entón tería que pagar 2.569 euros diarios polo xantar do seu fillo ou filla.
A realidade é que todos sabemos que a verdadeira xustiza impositiva radica na progresividade fiscal, baseada en que aqueles que teñen mais ingresos, financien en maior medida uns servizos públicos universais e de calidade. Os copagos establecidos na sanidade e na educación prexudican as persoas cos salarios mais baixos e a aqueles que precisan mais estes servizos.
O que resulta tremendamente inxusto e insolidario é ofrecer todo tipo de vantaxes fiscais ás rendas mais altas como se leva feito nos últimos anos, ao mesmo tempo que se lle pide as rendas máis baixas que asuman repagos. O Estado Español ocupa o posto número vinte en contribución fiscal dos vinte e sete países da Unión Europea. A economía mergullada sitúase entre o 20% e o 25% do PIB. O 75% da fraude fiscal proven das grandes fortunas. As empresas do IBEX 35 teñen 810 filiais en paraísos fiscais que evaden 59.000 millóns de euros en impostos. As grandes empresas tributan un tipo efectivo do 5,3% mentres que as PEMES pagan un 16% (por non falar dos particulares). Os titulares dunha SICAV tributan ó 1% mentres que o imposto de sociedades sitúase no 30%. As rendas medias e baixas aportan tres de cada catro euros do IRPF. No último barómetro do CIS, un 87% dos cidadáns deste pais consideraban que non existe xustiza fiscal.
Un pode estar de acordo ou non con estes argumentos, loxicamente, e nese desacordo reside o debate político. A voceira de AGE expresouse nesta liña argumental e o Presidente o fixo na contraria. Unha fricción dialéctica que ben entendida e reflectida, beneficia sen dubida a clarificar conceptos e posturas.
O xornalista Domingos Sampedro titulaba a edición dixital da Voz de Galicia do seguinte xeito: “Feijoo muestra su estupor de que AGE exija comedores escolares gratis para las rentas más altas”. 
(http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2015/11/25/feijoo-muestra-estupor-age-exija-comedores-escolares-gratis-rendas-altas/00031448448037132377717.htm).
Sen dúbida un xeito particular de resumir as intervencións de un e outro intervinte no debate plenario. Nada aparece sobre a exposición realizada por AGE sobre a cuestión. Nada sobre o incremento do 75% dos catering escolares establecidos na era Feijoo. Nada sobre o incremento do 20% do recadado das familias a través do novo decreto de comedores. Nada sobre o incremento do prezo asumido polas familias. Nada sobre a comida fermentada, a froita podre, a sopa fría e a comida precociñada. Nada de nada. Só unha desviación absoluta do contido, do sentido e do argumentado por AGE.

Nunha entrevista recente a xornalista Rosa María Calaf dicía que “o gran mal da nosa civilización é que non nos facíamos preguntas”. Afirmaba a que é unha das grandes últimas reporteiras que “o xornalismo é moito mais que un traballo, é un compromiso e unha responsabilidade”. Nunha deliciosa reivindicación do seu oficio, a xornalista advertía do “risco de confundir información con entretemento” e manifestaba a súa preocupación porque “as empresas xornalísticas teñen perdido grande parte da súa vocación informativa centrándose, no mellor dos casos, na mercantilista e no peor, con intereses de grupo que non son os da maioría”. Afirmaba que “os xornalistas teñen que contar aquelo que non se ve ou se silencia e non aquelo que se quere que se conte”. Lamentaba a degradación dos xornalistas convertidos en “lectores de comunicados sen tempo, sen formación e sen vontade”. Describía a “sociedade pasarela, distraída co que impacta e ó marxe do que importa” e facía un desesperado alegado sobre “necesidade de facer unha información veraz, honesta e rigorosa”.

O xornalismo ten un papel esencial para sociedade e resulta un medio imprescindible para a supervivencia da democracia. Nestes tempos tan marcados polo clamor social en contra da corrupción política, da corrupción económica, da corrupción urbanística etc...resulta obrigado denunciar a corrupción xornalística. A que viste e ampara mentiras. A que consinte e cala inxustizas. A que desvirtúa e altera realidades. A que alimenta o sensacionalismo e a superficialidade en lugar do análise e a reflexión sobre os acontecementos. Aínda que sexa politicamente incorrecto, urxe reivindicar o xornalismo en tempos de guerra.
Como dicía Rosa María Calaf, compre que nos preguntemos qué nos contan do que sucede no Parlamento de Galicia e noutras institucións?, qué nos contan do que sucedeu en Francia?, que nos contan do que está a acontecer en Libia ou Siria?...




miércoles, 25 de junio de 2014

LIBRES SÓ PARA ELEXIR

“Unha sociedade que priorice a liberdade sobre a igualdade,         
conseguirá un alto grao de ambas"
Milton Friedman. Libre para elexir.
 
Un dos mecanismos máis eficaces para incentivar o individualismo, como paradigma do sistema capitalista, baséase no fomento da ilusión de elixir. Unha ilusión, a de elixir, hiperpresente nunha sociedade de consumo como a actual, en que a capacidade de elixir se converte en sinónimo de liberdade plena do individuo e, polo tanto, de verdadeira democracia.

Así, un exerce a súa liberdade cando elixe entre unha marca ou outra de refresco, cando elixe entre un partido político a ou b, ou cando pode elixir entre dous argumentos contrapostos. Vivimos na sociedade do si e do non, do branco e do negro, do novo e do antigo, dualismos sen matices só resoltos pola capacidade de elixir, aínda que sexa de xeito compulsivo. Elixo, logo existo.

Na primeira restauración Borbónica configurada na transición, o pobo puido decidir entre votar a favor ou en contra da Constitución, puido elixir entre OTAN SI ou OTAN NON, mais nunca tivo a oportunidade de participar nun proceso de construcción deliberativa e colectiva do país.

Pola contra, todos e cada un dos febles mecanismos de participación existentes, a maior parte das diversas formas de asociacionismo e moitas das formas tradicionais de colectivización do traballo, foron desaparecendo engulidas polo sacrosanto valor da liberdade individual.

A liberdade individual como elemento central na definición da identidade, por riba de todo e de todos. Así para David Harvey, o leitmotiv da cultura urbana burguesa baséase na explotación narcisista do eu, a sexualidade e a identidade, como se mostra no amplo abano de autorepresentacións creadas no Facebook e en Twitter. Ou dito nas verbas de Michael Foucault, asistimos ao nacemento dun biopoder que converte todo o que unha vez foi vivido, en meras representacións. Xorde así unha nova realidade, a virtual, sexa ou non dixital. Persoas que construén o seu propio avatar, máis facilmente vendible, máis atractivo para o mercado, con maior probabilidade de éxito. Virtualidade e construcción de relatos verosímiles pero interesados.
Tal e como lucidamente afirma Javier Montero nun artigo recente, ofrécese así pastiche como información, parodia como entretemento, propaganda como información, cinismo e hipocrisía como reflexión, ao que eu engadiría elección como democracia. A posibilidade de elixir entre diversos medios de comunicación de masas permítenos ter a ilusión de estar informados, a posibilidade de cambiar de canal de televisión, a ilusión de estar entretidos.

No eido político, votar-elixir convértese, así, nun substitutivo do feito democrático. O elector pasivo consume democracia cada catro anos elixindo os seus representantes.
A ilusión de elixir tense convertido, sen dúbida, nunha das síndromes da sociedade postmoderna. A elección como parodia da participación. A elección pasiva como sucedáneo da potencialidade creadora das persoas. A elección como antítese dos procesos construtivos colectivos dende a base. A cega elección asesorada por managers e coachers, incentivada polos creadores de opinión. Elección mediada. Elección sen información nin formación. Elección, mais non participación.

Por iso, agora, irrompe no debate político o establecemento de primarias abertas na elección dos cadros políticos dos partidos. Debate de nomes, elección entre personalismos, duelo de carismas. As vellas novas formas de liderado. Política Pop no escenario dos egos. O capitalismo ten unha habilidade sagaz para permitir espazos de transgresión que permitan explorar e mesmo bordear os límites do propio sistema, como fixo o Punk ou outras formas de rebeldía, mais sempre que o sexan sen causa ou con escaso compromiso social. Pronto todos os partidos do sistema, terán primarias.

Sen dúbida, a capacidade de elixir é fundamental, como tamén o son seguramente o establecemento de primarias nos partidos, mais só se se entenden ambos mecanismos como unha parte máis, a parte final, se se quere, dun proceso de radicalidade democrática, en que os axentes participantes teñen coñecemento da realidade obxecto de decisión. Do contrario, as persoas son reducidas ó que Lyotard chamaba 'simples decididores'.

 O grande cambio pasa pois por superar a elección-competición para alcanzar o discernimento xurdido da cooperación. A loita polo poder debe ser substituída pola responsabilidade do deber. Nese sentido, todos os que teñen traballado de xeito cooperativo, leal e solidario, saben que a elección é un simple pero necesario trámite.

Primarias sí, limitación de mandatos e revogación dos cargos públicos tamén, pero nada mudará se non se transforma a estética da libre competición pola ética da solidaria colaboración, tamén nos partidos. Difícilmente a esquerda política e social poderá construir unha alternativa verosímil e capaz, asumindo as ferramentas e os dogmas do sistema que pretende mudar.
 

 




miércoles, 18 de diciembre de 2013

Frores en Peinador ou voitres no desfiladeiro

O sol tardío do 15 de setembro de 2011, aloumiñaba a pista do aeroporto de Peinador cando o jet privado de Christopher Flowers aterraba pouco despois de saír de Madrid, de onde viña de reunirse con altos representantes do Banco de España. Despois dunha breve xuntanza de menos de unha hora con Cesar Gonzalez Bueno, conselleiro delegado de NCG Banco, o avión despegaba de novo rumbo de regreso a Nova Iorque. No actual escenario económico, as cousas van así de rápido.
Das dúas reunións, Christopher Flowers marchou con dúas promesas. A primeira foi que o FROP entraría na caixa bancarizada, aportando 2.465 millóns de euros. A segunda, obter un desconto do 85% sobre o valor da entidade, que segundo os libros de contas de Novagaliciabanco era de 1.714 millóns de euros, para facerse coa entidade de aforro galega.
A primeira promesa cumpriuse tan so uns días despois. O 10 de outubro de 2011, os problemas de capital de NCG Banco S.A, levan ao Estado a intervir a entidade a través do FROB, adquirindo o 90% da entidade por unha cantidade que seguramente xa adiviñarían... 2.465 millóns de euros.
Con respecto a segunda promesa, se ninguén o remedia, nuns días sairemos de dúbidas.
¿Mais quen é Christopher Flowers?
Flowers foi un dos directivos mais novos en ser nomeado socio de Goldman Sachs, onde se fixo multimillonario despois de décadas de traballo neste célebre banco de inversións.
Nos días no que a tormenta perfecta económica asediaba Wall Street, C. Flowers foi consultado para estudar a compra de Lehman Brothers ou a aseguradora AIG, causantes do maior crack económico mundial dende o ano 1929.
Flowers aparecía no epicentro dun sistema financeiro cando este se desmoronaba e non dubidou e aproveitarse da oportunidade. Unha das súas operacións de mais sona, consistiu en embolsarse 20 millóns de euros por aconsellar ao Bank of America a compra de Merrill Lynch por 44.000 millóns de dólares... pouco antes de quebrar polas hipotecas subprime.
Mais non todas as inversións deste talento das finanzas foron tan exitosas. No ano 2009 comprou o 25% do banco alemán Hypo Real State por 1.000 millóns de dólares, mais o banco foi nacionalizado polo estado alemán, perdendo Flowers a práctica totalidade da entidade. Para ese entón, o Goberno alemán tiña inxectado xa 102.000 millóns de euros no banco intervido.
Nunha conferencia celebrada no ano 2007, Flowers dicía que "Os que bailamos sobre as tumbas como eu, faremos unha inmensa fortuna cos restos do colapso das numerosas institucións financeiras".... e iso leva facendo desde entón. Participa na poxa do británico Norther Rock, compra o banco alemán HSH-Nordbank, adquire o holandés NIBC e forma parte da reestruturación de Shinsei Bank en Xapón. O fondo JC Flowers soou tamén para a compra de outra das entidades financeiras intervidas polo Banco de España, a CAM.
De feito, o fondo de inversións JC Flowers é un dos mundialmente coñecidos como “fondos voitre”, experto en comprar a prezo de saldo, as entidades financeiras previamente saneadas co diñeiro público dos cidadáns.
O pasado día 16 de Novembro de 2013, o FROP anunciaba ter recibido “seis ofertas vinculantes por NovaGaliciaBanco”. Por unha banda o Banco Santander, o BBVA, Caixa Bank e o Venezolano Banesco. Outros dous voitres recoñecen o seu interese pola peza. O fondo de inversión Guggenheim e adiviñen...JC Flowers.

Queda pouco tempo para que o señor Christopher Flowers coñeza se o Banco de España cumpre a súa palabra, mais seguramente non as teña todas consigo, pois sabe ben que, entre voitres, confianzas....as xustas.

C. Flowers, González-Bueno e Enrique Tellado despois da reunón de setembro de 2011

sábado, 21 de septiembre de 2013

O país normal

Portadas dos principais xornais de Galicia co Presidente Feijoo visitando as novas instalacións da empresa Coren en Lugo

Xoves 19 de setembro de 2013. No pais normal sucede algo reservado aos grandes acontecementos, como cando unha traxedia ferroviaria ou unha vaga de lumes provocan portadas unánimes en todos os xornais. En todas as primeiras páxinas dos diarios de Galicia, o Presidentísimo Feijoo aparece ataviado cunha bata branca e un casco da mesma cor. A estampa recorda aquelas imaxes nas que Franco inauguraba un embalse acompañado por un séquito de autoridades. Mais neste caso, o Presidentísimo aparece rodeado...de milleiros de xamóns. Ringleiras enteiras de xamóns pendurados do ceo como se dun bosque porcino se tratara. Xamóns por doquier... milleiros de xamóns nun secadoiro infinito con corredores labirínticos, propios da fantasiosa mente de Carpanta despois de tomar unha dose elevada de LSD.

 Xamóns... mais non uns xamóns calquera, senón a nova gama selecta dunha importante marca galega. Xamón Galego pata negra. Xamón producido pola Empresa Coren creada polo ourensán Euloxio Gómez Franqueira, fundador de Coalición Galega e padriño político de José Luís Baltar.

Está claro que un país no que aparece o Presidente rodeado de milleiros de xamóns, non pode ir tan mal. No pais normal, todo acontece cunha lóxica normal.
O xamón, símbolo patrio do bo xantar e da abundancia.

Un país no que o Presidente enche portadas comendo xamón da gama “selecta”, mentres 6 de cada dez familias galegas chega con dificultades a fin de mes, é un país normal. Un país no que 93.000 familias sobreviven con todos os seus membros en paro, é un pais normal. Un país no que o 23% da poboación está en situación de pobreza, é un país normal.

Quizais por iso o Conselleiro de Educación di que o curso escolar se “iniciou con normalidade”. Porque quizais, para o Conselleiro, é normal que unha parella cuns ingresos de 875 euros cada un, teña que pagar 20 euros ao mes polo comedor do seu fillo. Por iso é normal que Galicia sexa a Comunidade de todo o estado que mais ten subido os prezos dos comedores, xusto no momento en que a Asociación Española de Pediatría denuncia o aumento dos problemas de desnutrición infantil.

Para o señor conselleiro, o país normal é ese no que preto de 1000 nenas e nenos de 3 anos non conseguen praza no colexio público do seu barrio, ou no que 6400 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos, non atopan praza nunha escola infantil pública xestionada pola Xunta. O país normal é ese no que unha familia ten que facer un gasto medio de 723 euros por fillo para iniciar o curso, mentres se reducen un 10% as axudas para os libros de texto.

Calquera presidente normal, como o señor Feijoo, ve normal que este ano o curso se inicien con 403 mestres menos que o ano pasado, se pechen 15 colexios e 57 aulas en escolas do rural é diminúan as bolsas de estudo. É normal quitarlle recursos ao ensino público, mentres se dedican 3 millóns de euros a subvencionar colexios do Opus Dei que segregan ao alumnado en función do seu sexo, incumprindo a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. É lóxico e normal que os tribunais teñan que apercibir a este goberno para que acate, dunha vez por todas, a sentenza emitida contra o decreto do plurilingüísmo. Un Goberno que non acata as sentenzas dos tribunais, é un Goberno normal.

Debe ser por iso que os que senten que viven nun país de mentira non son xente normal. Os que non poden aturar mais tanta inxustiza e tanta miseria, son uns absolutos anormais. E aqueles que afirman que diante de tanto atropelo, non queda mais que a rebeldía e a indignación, non son persoas normais. Os que non viven no país que aparece nos xornais, non son de ningures. Son xente anormal. Os que queren mudar a orde establecida e cambiar o sistema, non poden ser normais e ademais...son perigosos.  


domingo, 17 de febrero de 2013

Para os imprescindibles


A finais do 2008 a crise apuntaba maneiras, pero so era un deses nubarróns que moitos esperaban ver pasar lixeiros empurrados polo vento. Lugo era aquela cidade tranquila na que nunca pasaba nada e na que as elites políticas e mediáticas, sentían unha especie de prurito alérxico á hora de falar da corrupción.
Mais a corrupción levaba moito tempo campando as súas anchas, nas licencias de urbanismo, nas concesións públicas, nos contratos das administracións, nos trámites dos expedientes, nas subvencións públicas... nun contexto no que ninguén quería ser o eslavón que rachara a cadea de favores.


Unha corrupción amparada pola omerta temorosa dalgúns, a complicidade interesada doutros e a tolerancia sumisa de moitos. Falar de corrupción implicaba o desterro político, o descrédito social e a marxinación pública nunha sociedade como a lucense, na que so os elixidos, contaban cun espazo de opinión ou de participación política no seu sentido mais amplo.

Os que naqueles difíciles tempos denunciaron a corrupción, tiveron que loitar non so contra os poderosos fíos do poder senón que con frecuencia, chocaron coa incomprensión de amigos, coñecidos e mesmo simpatizantes ideolóxicos, mais partidarios de non romper o status quo e permanecer na seguridade do oficialismo.

Precisamente o vindeiro dia 7 de marzo se cumpren 4 anos da creación do blogue lugoanticorrupción.blogspot.com.es, un valente espazo de denuncia que hoxe é xa un referente para aqueles que buscan, non so un arquivo de referencia, senón un medio para desenmarañar os complexos nudos que tecen as tramas de corrupción.

Agora todos os medios de comunicación enchen paxinas enteiras sobre a corrupción. A crónica rosa da miseria, personifica en apestados infames o que en realidade é un mal conxénito dun sistema no que o mellor é o que mais ten. Análises de trazo groso cando non espeso, debuxan escenas macabras nas que o público escarnio pretende unha catarse colectiva en forma de rexeneración democrática. Borrón e conta nova e despois... lei do punto final. Reiniciemos o sistema. Matrix Reloaded.

Sirvan estas verbas de homenaxe para aqueles que como dicía Beltolt Bercht, loitan toda a vida, porque eles son os imprescindibles, deles vai depender que exista unha oportunidade, non dos que presumen de ser bos e menos dos que se creen os mellores. O resto... somos todos necesarios.


martes, 29 de enero de 2013

Todo polo pobo pero sen o pobo




Feijoo presentouse ás pasadas eleccións como a única opción posible de Goberno emulando ó Xeneral De Gaulle cando  pronunciaba  aquela frase de “Je, ou le caos”  ( Eu, ou o caos).
Iniciada a lexislatura, continúan os efluvios totalitarios deste goberno que afloran agora coa decisión da Presidenta da Cámara de limitar a asistencia do publico ás sesións do Parlamento. Incumprense así, ademais dos mais elementais principios democráticos, o propio regulamento da  cámara, que establece no artigo 69 o carácter público dos plenos parlamentarios. 
Este feito sucede despois das protestas que os cidadáns afectados pola estafa das preferentes, realizaron dende a tribuna reservada para o público. Unha protesta dirixida contra o goberno do Partido Popular e contra a súa política de transferencia de recursos públicos ás entidades financeiras, mentres se afoga cruelmente á xente do común con crecentes recortes en dereitos sociais e mesmo cívicos.
Argumenta a señora Pilar Rojo que non se poden aturar atentados contra unha “alta institución do estado”, sendo neste punto onde o subconsciente totalitario amosa de novo a súa sutil faciana. Incorre a Presidenta, nese erro común dos rexímes totalitarios, tendentes a considerar que o Goberno e o Estado son a mesma cousa. As protestas mencionadas ían dirixidas ao goberno do Partido Popular nunca contra a institución que este ocupa.
Baixo o pretexto de resgardar a democracia e parapetados nunha cámara en estado de sitio parlamentario, a quen en realidade se pretende protexer é o seu propio goberno e en consecuencia ó seu partido. Partido que, o igual que o partido único do movemento, se identifica como o único garante da orde.
A partir de agora, será o Partido Popular quen decida quen entra  no Parlamento de Galicia e quen quedara ás portas. A cámara do Pobo ficará convertida nunha especie de construción versallesca na que se reserva o dereito de admisión.
Na  mais pura tradición totalitaria, o goberno actúa como representación do estado perante o pobo, gabándose ademais de seren este o seu cometido como portador dunha ampla maioría absoluta. Se esquece, que nun sistema democrático, non é o pobo quen está o servizo do goberno senón o revés.

Entender que o  Partido no Goberno constitúe a única forma do estado é a máxima expresión dunha concepción totalitaria da acción de goberno. O goberno como poder absoluto no que descansan o resto dos poderes e que domina o tecido social, os medios de comunicación, as forzas sindicais, os colectivos culturais etc. Goberno como poder omnimodo e non como expresión da soberanía popular a través dun dos poderes do estado. Totalitarismo anémico dun estado títere, intervido e sen soberanía.
Constitúese así o Partido Popular nun digno sucesor dun despotismo ilustrado sen ilustración e os membros do goberno en ridiculas caricaturas de Luis XV ou Federico II. Seguindo aquela máxima de “Todo para o pobo, pero sen o pobo”, preténdese gobernar á marxe da xente e ás súas costas, convertendo o parlamento nunha especie de Pazo de María Antonieta. Unha institución morna, acrítica e sedante á altura do apelido de Corina Porro mais non do común dos mortais, e dicir do Pobo.
Foi casualmente o Convento de Santiago (Iacobus) en Paris o que lle deu nome ós Xacobinos, os que en plena Revolución Francesa clamaban en troques  aquelo de “todo para o Pobo e polo Pobo”, nuns momentos en que a inmanexable débeda do estado Francés, contraida na guerra contra Inglaterra, foi exacerbada por un sistema de extrema desigualdade e  de privilexios para a nobreza e o clero, que oprimían ao resto dunha sociedade abocada á miseria.
Non sabemos se esta cámara rematará por ser tomada como unha depauperada Bastilla, pero o que si está claro é que estes son mais que nunca os tempos  de “todo para o Pobo, polo Pobo e co Pobo”

viernes, 21 de diciembre de 2012

A MALDITA COMEDIA


Asisto, atónito de novo, a como o Goberno Galego dimite das súas funcións, non responde ás preguntas, vota e marcha. Pregúntanlle que ten pensado facer para deter a sangría do paro e responde con análises comparativos con outras comunidades, pregúntanlle polas iniciativas que pensa tomar para resolver a situación de exclusión social de miles de cidadáns e responde falando da herdanza recibida. Feijoo non se da conta que a única herdanza que recibe é a súa propia.
No parlamento de cartón, os bonecos fan xestos afectados, sombras chinesas á luz dos escuros intereses que os gobernan. Actores que aplauden a súa propia actuación.
E mentres o espectáculo continúa... que vai a ser da xente...
O libreto, escrito ao ditado dos intereses do mercado, continua e entra no seu segundo acto. A xente aguanta. Ata cando?.
Ábrense as portas e entran dous abrigos de chanel, pechanse as portas e sae unha beelstaff de pel. Na platea, os traxes e as garabatas afogan un sorriso. O uxier trae un xarro de auga. Outro xarro de auga fría para a xente. 
Cadeiras baleiras...hora punta no ambigú.
Pérdome no guión, preciso un apuntador.
A mestra de cerimonias dirixe a obra impertérrita. A súa máscara de xeo conxela a indignación. Preciso berrar pero non toca. Cortesía parlamentaria. Preciso marchar pero non podo. Deber de asistencia. ¿Estou nun teatro ou nun circo?.
O primeiro que lle tiñan que dar a un deputado novato non é un telefono senón unha petaca... a poder ser de prata e con whisky de Malta, non vaia ser que ás súa señorías lles pareza pouco elegante.
No palco, escríbese unha novela. Os censores agardan na redacción. Sae de bambalinas outro mal actor. Non ensaiou a obra e a xente bosteza na primeira fila.
Por favor..que baixen o telón.
De súpeto escóitanse berros, carraxe, desesperación...os estafados interrompen o espectáculo. Unha dentellada de realidade. A realidade superando esta ficción. Xente á que non lle deixaron nada, persoas que o perderon todo, cidadáns atracados a man refinada .Os petos cheos de frustración.
Rachou o guión, perdéronse os papeis, a comedia muda en traxedia. A traxedia diaria dos que sofren a miseria. Escapa o director, marchan os visóns e chaman ao orde. Suspendese a sesión pero o drama non.
Se os parlamentos son unha comedia, fagamos politica nos teatros, agora que están baleiros.
 Desgraciadamente...continuará...